...
Por iniciativa conxunta das administracións central e local créase, a finais de 1951, un museo destinado a cubrir unha forte demanda social: a de ofrecer unha visión do nacemento e evolución da cidade de Santiago de Compostela e en especial do fenómeno da peregrinación, en canto xerador da urbe. Créase deste modo unha institución denominada "Museo de Santiago e das Peregrinacións" en referencia ó doble contido temático do que se dota. Desempeña as responsabilidades técnicas e directivas D. Manuel Chamoso Lamas, artífice e principal alentador do proxecto.

A necesidade de contar en Santiago de Compostela cun museo complementario dos valores monumentais e urbanísticos da propia cidade, catalogando, conservando e difundindo o rico e disperso patrimonio moble existente, remóntase a mediados do século XIX e vai fundamentalmente da man da
Real Sociedade Económica de Amigos do País, fundada en Santiago en 1784. A Exposición Rexional Galega de 1858, e sobre todo a de 1909, que contan coa iniciativa e o inestimable apoio da citada asociación, fomentan e alentan esta necesidade.

Así pois, en 1951 ponse en marcha o nacente museo. Nese ano adquire o Concello o inmoble, coñecido como
"Casa Gótica" e comezan as obras para o seu acondicionamento, investíndose na súa rehabilitación fondos procedentes na súa mayoría dos orzamentos da Dirección Xeral de Belas Artes e apróbanse os estatutos polos que se rexiría.

A duración das obras fai que cunda o desánimo na Corporación Municipal que, a partir de 1957, decántase máis partidaria de apoiar outro proxecto museístico diferente abordando a montaxe do
"Museo Municipal". A el van parar, entre outros, os fondos provenientes do Hospital dos Reis Católicos, que pouco antes se decidira que cumprise as funcións de Hostal. Despois duns anos de incerteza, decídese cede-lo edificio adquirido á administración central para que a Dirección Xeral de Belas Artes se faga cargo en solitario do "Museo das Peregrinacións". Este proceso de cambio de titularidade culminaría en 1963.

Exposición inaugural de 1965
En 1965, para conmemora-lo Ano Santo, ten lugar a "Exposición Inaugural". Reúnese unha interesante colección de obras relacionadas co culto xacobeo provenientes na súa maior parte de centros eclesiásticos da arquidiócese compostelá, con aportacións tamén doutras institucións e de coleccións privadas. Rematada esta, as pezas devólvense e o museo péchase ó publico.
De novo coa celebración do Ano Santo de 1976, e despois dunhas obras de ampliación do edificio orixinal, ten lugar unha nova exposición que pretende ser un ensaio da montaxe definitiva. Unha vez máis, clausurada esta, o museo volve pecha-las súas portas.

A xestión do Museo das Peregrinacións transfírese á Xunta de Galicia en 1995, abrindo por fin as súas portas ó público dunha forma definitiva, en febreiro de 1996.
...
...
Na actualidade, o edificio que alberga a sé do Museo das Peregrinacións é o resultado da suma de diversas construccións que constitúen un conxunto heteroxéneo de difícil lectura.
Á fragmentaria construcción inicial, levantada cara a mediados do século XIV, e denominada frecuentemente "Casa Gótica", engadíronselle outras no XVII e posteriores que, xunto coas modificacións dos anos 70 e 60, se integrarían definitivamente á ampliación do inmoble a mediados dos 70 en que se conseguiu a actual configuración de volumes e espacios.

Da construcción gótica persiste un corpo cun torreón edificado en robusta cantería de granito, posiblemente integrado no seu día nunha interesante construcción, anque escasamente coñecida, da que subsisten outros restos de tipo similar na mesma zona. Relaciónase tradicionalmente coa residencia de D. Pedro I o Cruel ou con D. Fernando de Castro, Pertegueiro Maior de Santiago nesa mesma época, sen que se poida acreditar tal vinculación.
A ubicación do inmoble na parte preponderante da cidade fai presupoñe-la súa importancia precisamente nos momentos finais da Idade Media. Descoñécese a súa finalidade, pero tal vez estivera destinada a residencia dalgún membro da nobreza local, civil ou eclesiástica, a algún edificio público da administración da cidade ou a da propia mitra compostelá.

A fachada, con alteracións, presenta unha disposición que parece responder á que ofreceu nun determinado momento de vida do edificio. Conserva importantes elementos orixinais coma os canzorros que sosteñen o beiril, as fiestras, unha curiosa gárgola, etc.

Nunha modificación do século XVII, na que se redistribuirían de novo os espacios, dotaríaselle duna escaleira balaustrada en pedra, tal vez de inspiración abadenga, imitada en madeira nos pisos superiores.
...
...
Os descubrimentos arqueolóxicos habidos na catedral de Santiago a partir sobre todo de 1946, así coma a acumulación de inxentes cantidades de fondos nos sotos do conxunto catedralicio, fixeron alberga-la primeira esperanza de formar unha colección coa que explica-lo fenómeno da peregrinación e as orixes da cidade.
Por outra parte, as actuacións restauradoras efectuadas pola administración estatal a través da Comisaría de Zona do Patrimonio Artístico noutros edificios monumentais e en espacios públicos do conxunto histórico foron poñendo ó descuberto restos arqueolóxicos de interese para o coñecemento do pasado de Compostela. Algúns destes materiais arqueolóxicos pasarían a engrosa-la colección permanente deste museo público.

Non obstante, cando en 1965 se afronta a exposición inaugural, son moi escasas as pezas pertencentes ós fondos do Museo das Peregrinacións. A maior parte pertencía a fondos de titularidade eclesiástica ou cedidos temporalmente por particulares para a ocasión, como aconteceu coas coleccións Blanco Ciceron, Varela Villamor,ou incluso coa
Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela.

San Roque. S. XV.
Depósito Familia
Varela -Villamor
Na década dos setenta, o Instituto de Conservación y Restauración de Obras de Arte, de Madrid, irá destinando a este museo diversos fondos artísticos, procedentes do Servicio de Recuperación, que, xunto con outros depósitos de particulares e de institucións de distinta natureza xurídica, incrementarán a nacente colección. Uns tímidos intentos de ordenación de fondos públicos nos museos estatais propiciou que, procedentes doutros museos estatais, se incorporasen á colección permanente pezas de interese para a comprensión do fenómeno peregrinatorio ou relacionadas coa iconografía de Santiago.
A asunción das competencias en materia de cultura en 1982 pola Xunta de Galicia supón a regularización dos depósitos de restos arqueolóxicos provenientes de intervencións na cidade de Santiago (a excepción da catedral que conta con museo propio), así coma no resto do termo municipal, e doutros enclaves de indudable vinculación xacobea (Padrón, Iria Flavia...). Con posterioridade á transferencia da xestión deste centro á Xunta de Galicia en 1995 iníciase unha política de adquisición de fondos que continúan a acrecenta-la colección estable do museo.

Depósitos e doazóns de particulares contribúen a dar corpo a unha colección que conta con fondos importantes en escultura, pintura, pratería, acibeche, gravado, etc., ademais dos arqueolóxicos e etnográficos.

O sentido dunha institución museística radica no feito de que, mediante o abastecemento de Bens Culturais, se contribúa á súa conservación e estudio coa fin principal de enriquece-lo coñecemento da sociedade. As adquisicións no Museo das Peregrinacións estúdianse racionalmente para que abranguen a disciplina científica que lles foi encomendada. Desde o ano 1996 as coleccións do museo medraron de forma moi significativa, posto que o ingreso de pezas supuxo un incremento do 96% con respecto ós fondos existentes.

Ano 1996
Prato, Real Fábrica de Sargadelos, 1845 -1862, Intercambio co Museo de Belas Artes de A Coruña
Lauda en estola, ss. V-X, Escavación arqueolóxica
Cruz de guión, 1671, Compra


Ano 1997

Portapaces, s. XVIII, Compra
Sagrario, s. XVI, Compra
Santiago Peregrino, ss. XV-XXVI, Compra


Ano 1998
Santiago "Mataespañois", s. XIX, Compra
Santiago na Batalla de Clavijo, s. XVII, Compra
Santiago Peregrino, Juan de Flandes, Ca., 1465-1519, Dación por pago de impostos


Ano 1999
Santiago Peregrino, cara 1500, Compra
Cruz procesional, s. XVIII, Doazón de Leonardo Patterson
O Camiño de Santiago en España, Ikeda Munehiro, 1983-1986, Doazón do Autor


Ano 2000
Santiago Peregrino, ss. XIV-XV, Compra
San Roque, s. XVII; Depósito de J. Varela Villamor
Virxe con neno, ss. XIII-XIV, Depósito de J. Varela Villamor


Ano 2001
Arqueta, s. XV, Compra
Regra da orde e cabalería de Santiago, 1547, Compra
Baixorrelevo con representación da luxuria, ss. XII-XIII, Achado casual


Ano 2002
Santiago Intercesor, s. XVII, Compra Arracada con cadea, ss. I-IV a.C., Depósito de D. Manuel Mucientes Iglesias Libro do Peregrino nos Lugares Santos Musulmáns, 1830, Compra


Ano 2003
Copa de Farmacia, ss. XVIII-XIX, Compra Cruz-Relicario; Encolpia, s.XII-XII, Compra Carta Executoria, 1542, Compra


Ano 2004
Clixé de imprenta, 1884-1930, Compra Muíño de oracións; Corten, Tíbet, s. XIX, Compra Mandala. Nepal. Finais, s. XX, Compra